Dunha humilde familia de Rianxo, con dez anos emigra coa nai xunto ao seu pai, á Pampa arxentina. Cando exiliado falece en Buenos Aires, con 64 anos, Castelao era recoñecido como grande artista e escritor, sendo o máximo representante político de Galiza, sometida á ditadura franquista. Considerado un símbolo de Galiza, foi enterrado no exilio coas honras propias dun Xefe de Estado. Polo labor cultural e político, pola súa ética e pola entrega a defensa do pobo galego foi trasladado ao Panteón de Galiza, en Santiago.
«Teño moita fe na ria de Arousa e teño certo orgullo en ser de Rianxo; coido que ollando as cousas desde aí teñen de sair moitos artistas»
CASTELAO DIXIT
»» Desde 1916, Castelao reside coa súa dona, Virxinia Pereira, en Pontevedra, despois de gañar unha praza no corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico, sendo tamén profesor auxiliar de debuxo no Instituto. En 1928, con catorce anos, falece de neumonía o seu fillo Alfonso, no centro da fotografía, con lentes, entre os alumnos da Academia Poza de Pontevedra.
Foto de Pintos, cortesía do Museo de Pontevedra.
»» A crecente participación na vida pública, as súas dotes oratorias e a súa popularidade deciden a súa elección como deputado en Cortes en 1931. Desde entón, a súa actividade vai ser decisiva na consecución do Estatuto de Autonomía de Galiza, aprobado en plebiscito en 1936. Pasados vinte días, os fascistas álzanse en armas. No debuxo: Castelao por Carlos Maside no ano 1930.
Cortesía da familia Maside.
»» Exiliado en Nova York desde 1938, a súa actividade a prol da República lévao a viaxar polos Estados Unidos, Cuba e a Unión Soviética. O desterro levouno a Buenos Aires en 1940. Presidente do Consello de Galiza desde 1944, será nomeado ministro do Goberno da República no exilio, residindo en Francia de 1946 a 1947. No centro da foto, Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira.
»» O seu compromiso político reduciu o seu labor artístico e literario durante o exilio. Con todo, en 1941, estrea en Buenos Aires a obra de teatro de máscaras Os vellos non deben de namorarse.
»» Unha ducia de carrozas acuguladas de flores e moitísimos carros particulares paralizaron o tránsito da Avenida Belgrano de Buenos Aires. O día 9 de xaneiro de 1950 o cortexo fúnebre dirixiuse ao cemiterio da Chacarita e no Panteón do Centro Galego foi soterrado Castelao coma o líder dun pobo. Os seus restos foron trasladados a Santiago en 1984, repousando no Panteón de Galicia en Bonaval.